Tuesday 16 de April de 2024

TEGA e PSOE aprobaron de xeito inicial no pleno os orzamentos municipais de 35,11 millóns de euros para 2023


Os orzamentos municipais do Concello para 2023 aprobáronse de xeito inicial cos votos favorables de TEGA e PSOE esta mañá no transcurso da última sesión plenaria do ano. O documento
contable ascende a 35.110.550 euros, tal e como indicou o edil de Facenda, Román Romero. O concelleiro incidiu no feito de que se trata duns orzamentos “cun marcado carácter social, que priorizan a atención ás persoas” e subliñou que novamente se manteñen os impostos conxelados para non incrementar a carga fiscal sobre as veciñas e veciños da cidade.

“O feito de que non teñamos débeda bancaria reflicte a boa xestión que se realizou nos últimos catro anos, un feito que contribúe a proporcionarnos unha estabilidade financieira nas arcas municipais”, destacou. Romero apuntou que os investimentos previstos para o vindeiro ano, que superan os 1,2 millóns de euros, se executarán con cargo a fondos propios. “É unha partida inicial que se irá incrementando ao longo do ano, ao igual que en anteriores exercicios”, indicou, ao mesmo tempo que destacou o feito de que actualmente se estean executando investimentos por un importe conxunto de once millóns de euros. O voceiro do PSOE, David Pita, coindidiu con Romero en aclarar que o orzamento
“é un documento vivo, que ofrece moitas posibilidades ao incrementarse ao longo do ano”.

Pola súa banda a alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou a importancia de aprobar o documento contable e agradeceu o traballo dos concelleiros e concelleiras implicados no mesmo e tamén do persoal funcionario.

Na sesión plenaria aprobouse cos votos favorables do grupo de goberno o “III Plan de Igualdade de Narón”, un documento que defendeu a concelleira responsable da citada área, Mar Gómez. A edil naronesa fixo un chamamento ao resto dos grupos ao inicio da súa intervención “para poder aprobar por unanimidade este Plan de Igualdade, un documento realizado con achegas de diferentes axentes sociais e persoal técnico e que ofrece ferramentas para continuar traballando dende a administración local para acadar a igualdade real entre homes e mulleres na sociedade”.

No apartado de mocións aprobáronse dúas, unha presentada polo PP solicitando a conxelación das peaxes das autoestradas estatais AP-9 e AP-53 que saíu adiante por unanimidade. E a segunda, presentada polo BNG para a dotación de fondos propios da Xunta en relación coas axudas á produción ecolóxica que cumpran co requisito da convocatoria para a campaña do 2022 e para o período 2023-2027 dentro do apartado de desenvolvemento rural da PAC, que saíu adiante co respaldo dos edís do goberno local.